A proposta do alumnado servirá para mellorar a seguridade e mantemento do Camiño de Santiago
A Axencia Espacial Europea (ESA) outorgou ao proxecto Caminito, CAMera based INfraestructure Integrity Tracking from Orbit, desenvolvido pola asociación de estudantes UVigo SpaceLab, o premio europeo Copernicus Masters na categoría de infraestruturas. O concurso celébrase desde o ano 2011 coa fin de fomentar a captación de usuarios do programa de Observación da Terra Copernicus, premiando as mellores ideas e desenvolvementos innovadores e que usan datos de observación da Terra para abordar desafíos sociais e empresariais. Nesta década o certame contou coa participación de máis de 3.000 persoas de 70 países, otorgando ata 4,3 millóns de euros.
No caso do actual proxecto gañador promovido por UVigo Spacelab, o galardón está dotado cunha contía económica de 10.000€ e outros 10.000€ en imaxes satelitais e datos da constelación Copernicus, que permitirán aos creadores de Caminito desenvolver a misión BIXO na que traballan neste intre, e poñer a proba e desenvolver máis a fondo Caminito. “Para nós é un recoñecemento ao noso traballo, ademais de que todo este tipo de iniciativas e concursos poñen en valor o papel que ten o espazo, tanto no día a día dun cidadán de a pé, como para as persoas que nos dedicamos desde os nosos estudos a beneficiar e xerar estes coñecementos, solucionando así problemas”, recoñece Manuel Diz, director executivo responsable de xestión de proxectos do equipo UVigo SpaceLab, integrado por máis dunha trintena de estudantes do campus de Vigo e Ourense vencellados ás escolas de Enxeñaría Industrial, Telecomunicación, Minas e Enerxía, Informática e Aeronáutica e do Espazo. O premio europeo Copernicus Masters súmase aos galardóns rexionais Galileo e Copernicus Galicia 2021, organizados tamén pola Axencia Espacial Europea, que o equipo UVigo SpaceLab acadou recentemente polos seus proxectos Adagio e Caminito, respectivamente.
Meses de traballo ata acadar o recoñecemento europeo
Caminito é, segundo os seus autores, “unha proposta revolucionaria” onde as imaxes da constelación Copernicus serían utilizadas para a xestión e coidado dos sendeiros do Camiño de Santiago. “O seu obxectivo é proporcionar información para a prevención e actuación ante posibles incidencias, así como para o estudo da vexetación e masas de auga para detectar posibles desprendementos”, detalla Manuel Diz. O director destaca ademais o traballo desenvolvido polos e polas integrantes do equipo, que comezaron o seu segundo ano nesta formación e que na actualidade son responsables dos departamentos de software, comunicacións, enxeñaría de sistemas, organización e márketing, electrónica e ADCS.
Centrados no deseño de subsistemas de BIXO
Ademais de Caminito e Adagio, UVigo SpaceLab centra desde hai algo máis dun ano a súa actividade no desenvolvemento de BIXO, Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit, unha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial. Logo de pasar a primeira fase da misión, na actualidade céntrase no deseño de diversos subsistemas, estando cada vez máis preto da súa meta: a posta en órbita. “2022 depararanos grandes sorpresas, posto que a inicios do primeiro trimestre comezaremos outra ampliación do equipo, coa intención de que supere as 40 ou 50 persoas, ademais de que esperamos participar en novos concursos, eventos e congresos da ESA para acadar que BIXO estea en órbita”, explica Diz.
Fonte: DUVI.