A iniciativa está impulsada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) coa colaboración da Fundación Barrié.
A nova edición do programa Ignicia, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), acaba de seleccionar dúas propostas de I+D deseñadas nos centros de investigación atlanTTic e Cintecx da Universidade de Vigo. Esta iniciativa, pioneira en España e levada a cabo en colaboración coa Fundación Barrié, ten como obxectivo principal apoiar o desenvolvemento de aplicacións comerciais das investigacións xeradas nos centros de coñecemento galegos.
O proxecto seleccionado do atlanTTic (Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación) é o denominado CELIA: Intelixencia conversacional para asistentes orientados á linguaxe, no que traballa o Grupo de Tecnoloxías da Información baixo a dirección de Francisco Javier González Castaño. O proxecto pretende valorizar un motor conversacional ou chatbot con capacidades empáticas consistente en diversas librarías software, concibido segundo a filosofía de “deseño para todos”, e orientado a entretemento e monitorización terapéutica para persoas con capacidades limitadas de abstracción a través do acceso personalizado á información.
Pola banda do Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais), o programa Ignicia recoñeceu o potencial do proxecto SURFACORN: Aplicación do extracto biosurfactante obtido dos licores de lavado de millo para usos cosméticos e farmacéuticos. A investigación, levada a cabo polo grupo de Enxeñaría Química-10 coa coordinación de Ana Belén Moldes Menduiña, busca comercializar dous extractos biosurfactantes BS1 e BS2, extraídos dos licores de lavado de millo para a súa aplicación en distintos sectores industriais. Estes extractos poden ser obtidos de forma secuencial desta corrente residual para o seu uso na industria cosmética, farmacéutica e/ou agroquímica.
A partir de setembro, estas iniciativas terán dous meses para perfilar os seus plans de comercialización, apoiados polo asesoramento especializado do equipo do programa Ignicia. Posteriormente, os grupos de investigación recibirán unha achega económica para financiar os custos que supón trasladar ditos plans ao mercado. Tal e como sinalou a directora de Gain, Patricia Argerey, o obxectivo principal é “promover a transferencia dos resultados da investigación que se xera nos centros de coñecemento galegos e levar eses resultados ao mercado para facer rendible a investigación en Galicia”, facilitando así a validación da tecnoloxía e a elaboración de plans de negocio.
Máis proxectos da comarca de Vigo
Entre os sete proxectos seleccionados nesta terceira edición do programa Ignicia 2021, cun investimento medio de arredor de 400.000 € e a participación de máis de 30 investigadores, destacan ademais outras dúas investigacións levadas a cabo en centros de coñecemento da contorna de Vigo.
Trátase por unha banda do proxecto FRONTIER: Fibra óptica recuberta de metal de alta estabilidade para o monitoreo distribuído de infraestrutura de alta temperatura, pertencente a AIMEN (Asociación de Investigación Metalúrxica del Noroeste) que busca transferir ao mercado unha tecnoloxía de deposición de recubrimentos metálicos protectores sobre sensores distribuídos de fibra óptica, moi demandados en varios sectores industriais. Por outra parte, o programa apoiará tamén o proxecto SENSE UAV: Módulo anti-colisión multisensor integrado en UAVs de Gradiant, co obxectivo de desenvolver un produto embarcado de detección de obstáculos para UAVs, para evitar colisións e garantir a seguridade aérea.
Fonte: GAIN.