O grupo EN.EDI presenta en Bruxelas un sistema robótico de rehabilitación con realidade virtual

Vigo TecnolóxicoActualidadeO grupo EN.EDI presenta en Bruxelas un sistema robótico de rehabilitación con realidade virtual
Sistema de robot por cables e realidade virtual desenvolto polo grupo En.Edi no proxecto Virtual R3

Imaxe: Sistema de robot por cables e realidade virtual desenvolto polo grupo EN.EDI no proxecto Virtual R3  (Duvi)

O grupo EN.EDI presenta en Bruxelas un sistema robótico de rehabilitación con realidade virtual

Actualmente só está en funcionamento na EEI

O grupo de investigación de Enxeñaría Eficiente e Dixital, EN.EDI, da Escola de Enxeñaría Industrial, acaba de presentar na feira Stereopsia 2024 en Bruxelas un prototipo a escala do traballo que veñen desenvolvendo durante os últimos anos: trátase dun sistema robótico de rehabilitación médica para extremidades inferiores, un dos principais resultados de VirtualR3, Virtual Reality in Robotic Movements Assistance for Rehabilitation. É, á súa vez, dun dos subproxectos do consorcio europeo EMIL, European Media and Immersion Lab, no que a Universidade de Vigo participa canda a outras 16 institucións europeas.

O sistema presentado no mencionado evento Stereopsia, que do 9 a o 11 de decembro reuniu profesionais da investigación e do sector da realidade estendida na capital belga, consiste nunha contorna de rehabilitación robótica equipada con realidade virtual. Poderán beneficiarse dela pacientes con distintos graos de necesidades terapéuticas. Dunha banda, o movemento: os pacientes son sostidos e movidos por un robot de cables (Cable-Driven Paralell Robot, ou CPDR). Este detecta os impulsos da persoa paciente para inferir a intención do movemento, que o propio robot segue e apoia. Doutra, a inmersión: grazas ao uso dunhas lentes virtuais, a persoa usuaria pode somerxerse en distintas escenas para facer máis fácil de levar o proceso de rehabilitación. Sempre baixo continua supervisión médica e con opcións de axuste de forzas, impulsos ou escenarios virtuais.

Paseo virtual pola praia de Samil desde Bruxelas

Julio Garrido Campos, director do grupo EN.EDI e investigador principal do proxecto, aclara que ante a imposibilidade de trasladar o robot da UVigo a Bruxelas tiveron que desenvolver un prototipo a escala. Grazas a el, asistentes a Stereopsia 2024 puideron gozar dun paseo virtual pola praia de Samil. Garrido explica que o robot conta con oito motores que controlan individualmente a lonxitude e tensión de oito cables. Soltándoos e recolléndoos de xeito preciso, son capaces de mover, en espazos amplos e todas as direccións, unha estrutura central que sostén a persoa paciente sobre un arnés.

A experiencia presentada ilustra un dos modos de funcionamento do dispositivo, no que é a persoa, movéndose libremente por unha escena virtual, a que guía ao robot, que segue en tempo real o movemento das lentes. O robot, ademais, está sempre no punto en que se atopa a persoa usuaria; así é capaz de sostela en caso de necesidade.

Á espera do ensaio clínico

Julio Garrido destaca o “inestimable apoio” do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, da man do seu director, o doutor Francisco Javier Juan García, e o seu equipo. Garrido fala da intención de levar a cabo un ensaio clínico, o que levará tempo por mor de todas as autorizacións necesarias. Tamén están a buscar novo financiamento para sufragar eses gastos.

A instalación montada nos laboratorios da Escola de Enxeñaría Industrial permite máis modos de funcionamento, como o modo háptico, no que a través da sensorización das forzas que exerce a persoa paciente sobre as estruturas que a están a soster, traslada as súas intencións de movemento ao control do robot.

Ademais, mediante unha aplicación médica, o persoal sanitario pode axustar en tempo real distintas variables do exercicio de rehabilitación, como a porcentaxe de peso corporal da que se quere liberar ás pernas ou a resistencia ao movemento en determinadas direccións. Tamén se poden controlar as escenas virtuais que se mandan ás gafas e o camiño a seguir dentro dela.

Equipo de traballo

Xunto a Julio Garrido participaron nas demostracións en Bruxelas os investigadores do proxecto Daniel do Olmo e Enrique Riveiro. Foron nesta ocasión a cara visible dun proxecto do que tamén forman parte os investigadores Uxía Pérez, Josué Rivera e Diego Silva, así como o técnico de laboratorio Manuel de la Torre.

Acudiron a Bruxelas como integrantes do consorcio europeo EMIL no que participan como socios, entre outros, a Universidade de Aalto (Filandia), Pompeu Fabra (España), Bath (Reino Unido) ou a alemá Filmakademie Baden-Württemberg, entre outras.

Máis información

Duvi

VirtualR3

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.