A Universidade de Vigo eleva a 4,5 millóns de euros o financiamento acadado na súa última convocatoria
Preto de 4,5 millóns de euros para pór en marcha 43 novos proxectos de investigación. Este é o balance que deixa para a Universidade de Vigo a última convocatoria de axudas da Axencia Estatal de Investigación, unhas cifras que desde a Vicerreitoría de Investigación cualifican como “excelentes”, xa que supoñen un incremento de arredor de 800.000€ sobre a anterior convocatoria.
“En xeral todos os ámbitos aumentaron ou manteñen o número de proxectos obtidos, pero destaca, sobre todo, a capacidade consolidada de captación de fondos competitivos dos centros de investigación do SUG (atlanTTic, Cinbio e CIM) que suman máis da metade do total de financiamento acadado, e o incremento importante no ámbito tecnolóxico, que duplicou o número de axudas concedidas, liderado polo eixo atlanTTic – Cintecx”, salienta a vicerreitora Belén Rubio, quen explica que a cifra total de proxectos solicitados non deixou de medrar nos últimos anos, acadando nesta ocasión o centenar de solicitudes nos diferentes programas (Retos, Xeración de Coñecemento, Investigadores novos, etc.). O crecemento é xeral e prodúcese tamén no eido xurídico-social e nas humanidades, “que historicamente non optaban a eses fondos competitivos e onde o número de solicitudes realizadas medra cada ano”, explica a vicerreitora, para quen a promoción da convocatoria do plan nacional foi un dos obxectivos prioritarios do seu mandato.
Desde a Vicerreitoría de Investigación destácase como un dos aspectos máis relevantes desta convocatoria o impulso dos diferentes centros de investigación -atlanTTic, Cinbio, Cintecx e CIM- da Universidade de Vigo, de onde proven o 23% do total das axudas solicitadas. Tiveron unha taxa de éxito do 91%, conseguindo 21 proxectos dos 23 solicitados, o que supón case o 50% dos proxectos concedidos á Universidade de Vigo.
Máis de un millón de euros para atlanTTic
Para atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, a convocatoria nacional supón o ingreso de máis de un millón de euros, financiamento co que pór en marcha nove proxectos de investigación. “É unha proba máis da alta calidade da investigación que vimos realizando en tecnoloxías de telecomunicación e, neste caso concreto, en 5G, envellecemento saudable, privacidade e seguridade, mobilidade (satélites e drons), electromagnetismo, radar e criptografía cuántica”, explicou o seu director, Martín Llamas. Entre os proxectos subvencionados hai traballos de moi distinto perfil, desde aqueles que tratan de dar resposta aos principais desafíos que trae consigo a tecnoloxía 5G, ata outros pensados para dar servizos e aplicacións para un envellecemento saudable, pasando por outros que buscan mellorar os actuais escáneres de seguridade, ou aqueles que se dirixen a solucionar diferentes problemáticas relacionadas coa aprendizaxe automática.
800.000€ para Cintecx
Desde o Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, a súa directora, Concepción Paz, salienta que estes resultados –máis de 800.000€ de financiamento para catro proxectos- “son sen dúbida unha proba de que desde o noso centro continuamos polo camiño formulado hai xa uns anos cando acadamos a acreditación da Xunta de Galicia como centro de investigación, un fito que se logrou grazas á total implicación de todos os grupos e persoal investigador”. A responsable do centro engade que as axudas económicas dos distintos proxectos supoñen tamén novos folgos para continuar fieis á súa estratexia de posicionamento diferenciador en Galicia, “sen deixar ao marxe os escenarios nacionais e europeos”. Entre os exemplos dos proxectos concedidos aos grupos de Cintecx poden citarse traballos que velarán pola mellora da xestión da calidade das augas e cumprimento dos estándares fixados pola Directiva Marco da auga; redución do impacto ambiental e sanitario de afluentes hospitalarios mediante oxidación avanzada; dispositivos biomédicos, e investigación experimental e numérica para mellorar a refrixeración de baterías e compoñente electrónicos en vehículos eléctricos.
900.000€ e 200.000€ para Cinbio e CIM
Máis alá do Campus Vigo Tecnolóxico, outros centros de investigación da UVigo sobresaíron no apoio acadado na convocatoria. No caso do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, o seu director, Miguel Ángel Correa, salienta que estes resultados “indican que estamos no camiño correcto” e, ademais, permiten, “non só mellorar a visibilidade do centro a nivel nacional, senón tamén seguir construíndo unha comunidade científica onde os seus éxitos se baseen na excelencia e na produtividade”. Conseguiron en total seis novos proxectos de investigación financiados con máis de 800.000€, un financiamento que lles permitirá consolidar as liñas de investigación de dous grupos senior (Materias Magnéticos e Física Aplicada II), e manter a súa aposta pola captación de novos talentos nacionais e internacionais.
Pola súa banda, o CIM, Centro de Investigación Mariña, conseguiu financiamento por valor de algo máis de 200.000€ para pór en marcha dous novos proxectos. Un deles estará dirixido polo profesor Mariano Lastra e tratará de medir o efecto da radiación solar e a temperatura sobre a degradación da biomasa macroalgal en intermareais sedimentarios de porto Foster en Illa Decepción, na Antártida. O segundo proxecto, liderado por Armando Caballero, fará unha estimación do censo efectivo e a depresión consanguínea utilizando datos xenómicos.
Fonte: DUVI.