Dentro do proxecto Plan Anual ‘Ciencia de ida e volta‘, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, emárcase o proxecto Embaixadores/as do coñecemento, unha iniciativa mediante a cal o alumnado do Programa para Maiores achegan o seu coñecemento, da man de investigadores da UVIgo, á sociedade. Trátase así de levar a ciencia e a innovación fóra dos campus e poñela a disposición da cidadanía.
Nesta cita abordaranse dous temas. Por unha banda, Arsenio Gallego Chacón, estudante do programa e meteorólogo, falará sobre clima e cambio climático, co asesoramento de Xotchil Ilosvay, investigadora predoutoral de Future Oceans Lab. O segundo poñente da xornada será Manuel de Cal Zapata, que afondará na evolución da enerxía térmica coa axuda de Fernando Cerdeira, investigador do grupo ChETE – Enxeñaría Química, Térmica e Ambiental.