Imaxe: foto de familia coa vicerreitora de Investigación, Belén Rubio Armesto (terceira pola dereita), a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez Castro (no medio), e a directora de CINTECX, Ángeles Sanromán Braga (primeira pola dereita). (Duvi).
CINTECX continúa visibilizando as mulleres investigadoras
Numerosas actividades na UVigo conmemorarán o 11F, Día da Muller e da Nena na Ciencia
CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, presentou a pasada semana nun encontro o seu calendario 2025, co obxectivo de dar visibilidade ás mulleres científicas. Trátase dun calendario ilustrado no que doce investigadoras, coas súas motivacións e traxectorias, se unen para inspirar as vocacións das alumnas máis novas. Relatan as súas experiencias e como é o seu traballo, animando a estudar disciplinas STEM. Paralelamente, inaugurouse a exposición Mulleres investigadoras en CINTECX, que se pode visitar no centro ata finais de mes. Estas actividades enmárcanse nas accións para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que será o vindeiro 11 de febreiro.
Belén Rubio Armesto, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, inaugurou o encontro. Aproveitou a ocasión para facer un breve percorrido polos perfís das 12 investigadoras que participan no calendario, salientando as súas frases máis motivadoras. Seguidamente, Ángeles Sanromán Braga, directora do centro, presentou a iniciativa e non deixou de sinalar que a porcentaxe de mulleres investigadoras no ámbito tecnolóxico e industrial continúa a ser inferior ao desexable. De aí o fincapé en desenvolver iniciativas que fomenten novas vocacións científicas femininas desde a etapa escolar.
Tamén participaron varias das investigadoras protagonistas do calendario, como Gloria Pena Surís. Investigadora do ámbito da ciencia de materiais e integrante do grupo ENCOMAT (Enxeñaría de Corrosión e Materiais), Pena remarcou a importancia de conseguir un equilibrio entre mulleres e homes en investigación, para así incluír a visión de ambos os dous xéneros.
Mesa redonda
Logo da súa intervención, deu comezo a mesa redonda “Igualdade na investigación”, coa participación da directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez Castro; a coordinadora da Unidade de Medio Ambiente de AIMEN, Luz Herrero Castilla; a directora do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, Beatriz Novoa García, así como as propias Ángeles Sanromán Braga e Gloria Pena Surís.
A mesa redonda foi unha oportunidade para que as investigadoras compartisen as súas experiencias e, á vez, puxesen de relevo as dificultades que atoparon no camiño. Unha das situacións relatadas foi na necesidade de levar os fillos de estancia ao estranxeiro para poder compaxinar investigación e maternidade. Tamén a asunción de coidados de familiares, á que se unen congresos, viaxes ou xuntanzas foron habituais. Por iso a directora do IIM-CSIC, Beatriz Novoa, sinalou á importancia de traballar en todos os aspectos da carreira investigadora, desde a etapa escolar ata a fase de consolidación, etapa na que chama a reforzar o coidado ás científicas por mor das dificultades de conciliación.
Pola súa banda, a vicerreitora falou da necesidade das medidas de acción positivas, como a convocatoria de retención do talento da UVigo ou o desconto do período docente durante o primeiro ano tras o parto. Deste xeito, as nais poden investir una maior parte do seu tempo de traballo en investigación.
Yolanda Rodríguez avogou por que os homes sexan aliados e non vexan as mulleres como competidoras. Para esa sociedade máis xusta é necesario fomentar as masculinidades igualitarias e coidadosas. Houbo consenso en que aínda queda moito por facer, sobre todo desde que son nenos e mozos.
Finalmente, Luz Herrero, responsable de Tecnoloxías Ambientais da División de I+D+i de Aimen, destacou que é fundamental facer visible o traballo das investigadoras e a súa contribución á innovación e ao desenvolvemento tecnolóxico.
Nova edición dos obradoiros ‘Elas Fan CienTec’
Este 11 de febreiro volven tamén á UVigo e ao Campus Vigo Tecnolóxico os obradoiros destinados a rapazas de ensino secundario Elas Fan CienTec, en colaboración coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade.
Así, no caso da Escola de Enxeñería Industrial, alumnas do IES Monte Carrasco de Cangas converteranse en entrevistadoras por un día para coñecer de preto as enxeñeiras que traballan nesta escola, o que lles dará a posibilidade de descubrir que detrás dos grandes avances científicos hai moitas mulleres, cheas de dedicación, paixón e talento, que rachan barreiras e abren camiños para o futuro da ciencia.
E na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía un grupo de alumnas do IES Ricardo Mella competirán, entre outras actividades, por construír o muro de terra armada máis resistente. Por último, as estudantes do IES Castelao visitarán a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para realizar dende unha sesión de detectives de imaxes ata unha clase de robótica con CuteBot.
Máis información