A investigadora do Cintecx Mercedes Solla obtén unha prestixiosa Beca Leonardo da Fundación BBVA

Vigo TecnolóxicoActualidadeA investigadora do Cintecx Mercedes Solla obtén unha prestixiosa Beca Leonardo da Fundación BBVA

Cun proxecto sobre detección temperá da corrosión en formigón armado

Mercedes Solla, investigadora Ramón y Cajal do grupo de investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas do centro de investigación Cintecx e docente da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, é unha das gañadoras das 60 Becas Leonardo 2022 -de entre as preto de 900 solicitudes recibidas- que concede a Fundación BBVA destinadas a apoiar proxectos altamente innovadores en diferentes campos da ciencia e a cultura. Concedéuselle esta prestixiosa axuda, dotada con 40.000 euros, na Área de Enxeñerías e Tecnoloxías da Información polo proxecto Detección temperá da corrosión en formigón armado a partir de datos xeorradar e técnicas de aprendizaxe profundo.

“Esta axuda supón un importante recoñecemento e apoio económico ao meu traballo de investigación”, salienta a investigadora, quen recibiu a boa noticia en Lisboa, onde está levando a cabo unha estancia de investigación no Departamento de Transportes do Laboratório Nacional de Engenharia Civil (LNEC) cunha bolsa de mobilidade José Castillejo para desenvolver o proxecto Metodoloxías avanzadas de combinación de datos radar (GPR e InSAR) para a avaliación de infraestruturas críticas do transporte. Desde alí recoñece o “tremendo orgullo” que supón para ela “pasar a formar parte da prestixiosa Red Leonardo, o que sen dúbida contribuirá a aumentar a visibilidade e impacto das miñas investigacións”, recoñece Solla.

Xeorradares e IA para detectar o deterioro do formigón armado

Tal e como explica Solla, as cidades costeiras atópanse especialmente ameazadas polos efectos do aumento do nivel do mar e as condicións meteorolóxicas provocadas polo cambio climático. Nesta liña, a investigadora recalca que os edificios e infraestruturas son susceptibles á corrosión e, como consecuencia deste proceso, o formigón armado pode desintegrarse e derivar nun colapso estrutural. Neste contexto, o obxectivo deste proxecto é desenvolver un novo procedemento para a detección temperá da corrosión no formigón armado a partir dos datos de xeorradar (GPR), así como o uso da Intelixencia Artificial (Deep learning) para detectar, segmentar e clasificar aqueles signos deste deterioro que poidan comprometer a integridade estrutural tanto de pontes e viadutos urbanos, como de estruturas portuarias e edificios costeiros.

Especialista en avaliación de riscos en pontes, túneles e pavimentos

A traxectoria investigadora de Mercedes Solla (Marín, 1982) está centrada, tal e como se expón na resolución das axudas, na avaliación de infraestruturas do transporte, sobre todo, pontes, túneles e pavimentos, un eido no que ten publicado máis de 200 artigos científicos, 62 deles en revistas internacionais de prestixio e indexadas no Journal Citation Reports. Tras obter en 2010 o seu título de doutora pola Universidade de Vigo, con Mención Europea e Premio Extraordinario de Doutoramento, en 2013 converteuse en profesora axudante doutora e investigadora postdoutoral no Centro Universitario da Defensa (Ministerio de Defensa) e, posteriormente, foi profesora contratada doutora ata que en 2021, obtivo a súa praza actual na Universidade de Vigo. Nestes anos ten sido investigadora principal en 3 proxectos de investigación obtidos en convocatorias nacionais en réxime de concorrencia pública e en 7 contratos de investigación con empresas.

Nova incorporación da UVigo á Red Leonardo

Coa concesión desta axuda Mercedes Solla incorpórase á denominada Red Leonardo, unha comunidade de excelencia da que forman parte 544 investigadoras e investigadores cuxos proxectos foron seleccionados entre as 14.334 solicitudes recibidas desde a posta en marcha do programa no 2014 e aos que se destinou un financiamento que acada xa os 20 millóns de euros.

Entre os membros desta rede atópanse, xunto a Solla, os tamén investigadores da Universidade de Vigo: Belén Riveiro, integrante do grupo de investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx, gañadora dunha das axudas concedidas no 2021, e Miguel Arenas, da Área de Xenética, a quen lle concederon a bolsa no 2019.

Tal e como destacan desde a Fundación BBVA, estas axudas distínguense dentro do panorama nacional polo carácter altamente competitivo da convocatoria, o colectivo ao que se dirixe –profesionais entre 30 e 45 anos que se atopan nun momento decisivo das súas carreiras- e a posibilidade que ofrecen de desenvolver proxectos persoais cun amplo marxe de flexibilidade, establecéndose unha marxe de tempo para desenvolver o proxecto que vai dos 12 aos 18 meses.

 

Fonte: DUVI

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.