A Universidade de Vigo, como membro da rede, invita ao alumnado das súas escolas de enxeñaría a participar o vindeiro 19 de outubro
A alianza de universidades europeas ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance), da que forma parte a Universidade de Vigo, celebra o vindeiro 19 de outubro o ATHENA Career Event 2022, unha feira de emprego online dirixida especificamente a estudantes, empresas e institucións dos eidos da enxeñaría e as TIC. O evento busca achegar as oportunidades laborais que ofrecen os mercados dos 9 países socios de ATHENA, polo que a alianza invita ao alumnado de todas as súas institucións a participar, entre o que se atopan os e as estudantes das escolas de enxeñaría da UVigo, os que poderán coñecer ás empresas en diferentes salas virtuais. As firmas e os futuros buscadores de emprego poderán conectarse, intercambiar e discutir calquera tema relacionado coa vida profesional e as opcións dispoñibles no actual mercado laboral.
Para participar no ATHENA Career Event 2022 é obrigatorio rexistrarse no formulario de inscrición. Unha vez enviado, facilitarase a ligazón para unirse ao encontro virtual dous días antes do evento, que terá lugar o mércores 19 de outubro de 9h a 11:45h. Máis información sobre o programa e a lista de empresas participantes aquí e nas redes sociais de ATHENA.
A UVigo membro de ATHENA
Desde xuño deste ano, a Universidade de Vigo forma parte da alianza de universidades europeas ATHENA, unha red de institucións que busca crear unha estratexia conxunta de educación superior e xerar sinerxías en eidos como a mobilidade de estudantes e persoal, I+D, transferencia o perspectiva de xénero. Ata o momento, son nove as institucións de distintos países que forman parte deste consorcio: o Instituto Politécnico de Porto (Portugal), a Universidade de Orleáns (Francia), a Universidade de Siegen (Alemaña), a Universidade Niccolo Cusano de Roma (Italia), a Universidade de Maribor (Eslovenia), a Hellenic Mediterranean University (Grecia), a Vilnius Gediminas Tecnichal University (Lituania), a Marii Curie-Skłodowskiej (Polonia) e a propia Universidade de Vigo en España.
Fonte: ATHENA.